Falamos con Martín Varela, director artístico de Inventio e un dos principais representantes da nova maxia galega.
Inventio é un espectáculo para todos os públicos que busca transcender a idea clásica de espectáculo familiar. En que vos apoiades para marcar esa diferenza?
Con Inventio queriamos contar unha historia atractiva de gran profundidade e calado cultural, cun halo de fantasía e maxia, espectacular e apetecible, na que prime a calidade. A maxia, o circo e a danza, tres disciplinas ás que levo vinculado moito tempo, préstanse para contar unha historia dun xeito diferente. Nós preguntámonos que pasaría se no 2094, último ano Xacobeo deste século, desaparece o Camiño e, a canda el, desaparece tamén Galicia como identidade cultural. Queremos facer un show inspirado na tradición do Camiño e no que este supón, pero non volver á Idade Media, senón todo o contrario, imaxinar o futuro.
Inventio xira sobre a idea de busca, de peregrinación… Como é esa viaxe?
O espectáculo comeza no 2094, nun futuro branco, prístino, limpo, no que perdemos a capacidade de sentir, de comunicarnos, no que perdemos a memoria e somos como máquinas. É unha viaxe cara ao sensible que vai dun mundo aséptico a un universo cheo de cor, unha cor que simboliza a forza dun pasado que irrompe nese presente-futuro no que vivimos. Todo o espectáculo está inspirado na experiencia do peregrino a nivel interior, nun camiño que non é senón unha viaxe de transformación. E esa acción de camiñar impregna todo o espectáculo, que vai aumentando de ritmo a medida que crece a intensidade dese proceso de transformación.
Latexa en Inventio unha defensa da memoria e desa tradición que configura a identidade dunha comunidade, dun pobo?
Inventio fala de todo iso que nos fai ser ‘nós’, iso do que moitas veces non somos conscientes porque son costumes ou tradicións que damos por sentadas e colocamos nun segundo plano. Vivimos nunha cultura globalizada, nunha especie de cultura-mundo que parece unificalo todo e que fai que o entretemento sexa o mesmo aquí, nos Estados Unidos ou en Xapón. Inventio fala das culturas periféricas, do que nos fai ser diferentes, pero tamén do que configura a nosa humanidade en Galicia ou en calquera lugar do planeta, de aí que este espectáculo fale de algo universal que nos une a todos.
Como conviven en escena a tradición e a modernidade?
En escena formulamos unha relación de choque entre eses dous mundos. Un que é impecable, perfecto, tecnolóxico e branco coma un hospital, no que irrompe, por exemplo, a estrela da Inventio, un símbolo moi importante na tradición do Xacobeo, a estrela vinculada á aparición dos restos do apóstolo. Pero tamén están a natureza, a forza da auga, do vento, todo ese universo sensorial que convive coa animación de vídeo, as proxeccións audiovisuais, a estética xeométrica de Sargadelos, a música electrónica ou os traxes de neopreno que levan os artistas en escena.
Que referentes cinematográficos inspiraron a posta en escena?
Para construír ese universo distópico fixámonos en películas que, no pasado, imaxinaron o futuro. E inspiráronnos historias como Things to Come (1936), de William Cameron Menzies e H. G. Wells ou 2001, Odisea no espazo (1968), de Kubrick. Pero tamén están os dous Blade Runner de Denis Villeneuve e Ridley Scott ou a influencia das escenografías para teatro de Bob Wilson.