O espectáculo

Unha viaxe ao sensible
Inventio é un espectáculo familiar de gran formato, no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses.

Inventio é unha viaxe sensorial, un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena futurista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador.

Cun ritmo vertixinoso, velaquí unha gran produción con ecos do cinema futurista de Stanley Kubrick, Ridley Scott ou Denis Villeneuve, que non é máis ca “unha viaxe cara a todo iso que nos fai humanos: a nosa capacidade de sentir”.

A historia
Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital.

Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción.

Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e sete artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin rastro nin lembranza ningunha.

Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense, que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Moito máis ca un espectáculo familiar/

Moito máis ca un espectáculo familiar/

Moito máis ca un espectáculo familiar/

Moito máis ca un espectáculo familiar/

Moito máis ca un espectáculo familiar/

Ilusionismo, levitacións, acrobacias, equilibrios, malabares, números aéreos, aros voadores, coreografías trepidantes, treboadas de neve e torres de vento, pezas interactivas, videoproxeccións, animación audiovisual, música electrónica fundida con composicións tradicionais galegas, simbolismo celta, barroco compostelán e a estética xeométrica e vangardista de Sargadelos, traxes futuristas, humor, misterio, fantasía, drama, comedia, maxia, ilusionismo, teatro xestual, danza…. Todo isto, e moito máis, é Inventio.

Inventio e o Camiño de Santiago
“¿Dónde va el peregrino celeste / por el claro infinito sendero? / Va a la aurora que brilla en el fondo / en caballo blanco como el hielo”, escribiu Federico García Lorca no seu poema 'Santiago. Balada inxenua', de 1918

O Camiño de Santiago estivo presente na nosa literatura dende a Idade Media aos nosos días, dende a obra de autores como Cervantes, Quevedo, Zorrilla, Valle-Inclán ou os irmáns Machado á de Alejo Carpentier, Álvaro Cunqueiro, Matilde Asensi ou Cees Nooteboom. O Camiño foi tamén fonte de inspiración e materia prima de películas, documentais, composicións musicais e manifestacións artísticas ao longo de décadas. Inventio é fiel a esa tradición, dotando a posta en escena dunha importante profundidade e bagaxe cultural.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto.

Inventio propón un espectáculo no que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e fano enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

O equipo
Con dirección do novo ilusionista galego Martín Varela e dramaturxia de José L. Prieto, o equipo creativo e artístico de Inventio está formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e sete artistas circenses e mais o propio Varela, que exercerá de guía do espectáculo.

Á fronte da dirección artística, Suso Montero, recoñecido escenógrafo cunha dilatada traxectoria en teatro e televisión. Na dirección de maxia, dous destacados ilusionistas españois -Fani Triana e Martín Camiña- e na de circo, Jorge Miquel, un estudoso cunha longa traxectoria na posta en marcha de proxectos circenses.

Na dirección musical, José Trincado ‘Triki‘, produtor e técnico que traballou con grupos como Milladoiro ou compañías como a Fura dels Baus. Á fronte do ballet e as coreografías, Mercedes Suárez; Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. O elenco de bailaríns está conformado por Julia Méndez, Cristina Amor, Amara Pérez, Ismael Olivas, Fernando Rois e Carlos Núñez.

  • Idea orixinal e dirección creativa: Martín Varela
  • Bailaríns: Julia Méndez, Cristina Amor, Amara Pérez, Ismael Olivas, Fernando Rois e Carlos Núñez + Laura Pan (cover)
  • Artistas de circo: Stéphanie Bouchard, Rubén Martín, Deibit & Nymeria, Steven Peralta e Daniel Satizabal
  • Mago: Martín Varela
  • Dramaturxia: José L. Prieto
  • Dirección artística: Suso Montero
  • Dirección de maxia: Fani Triana e Martín Camiña
  • Dirección de circo: Jorge Miquel
  • Dirección musical: JoséTrincado ‘Triki
  • Ballet e coreografías: Mercedes Suárez
  • Deseño de iluminación: Alberto Casas
  • Dirección de vestiario: Conchi Silvent
  • Xefe técnico: Pablo Falcón
  • Consultoría histórica: Sara Moure
  • Asesoría didáctica e expositiva: Clara Reigosa
  • Fotografía: Vanessa Rábade
  • Deseño gráfico e comunicación: The Office Comunicación

Inventio é un espectáculo de la promotora Thinking Up Events, Xunta de Galicia – Xacobeo 21-22 e Fundación “la Caixa”, coa colaboración de Sargadelos.

Coa colaboración de