Inventio é un espectáculo pensado para toda a familia así que non ten nada de raro que realicemos funcións didácticas. Durante o noso paso por Santiago, por exemplo, tivemos a sorte de encher o Auditorio de Galicia con alumnado do CEIP López Ferreiro e do colexio A nosa Señora dos Remedios, que mesmo publicaron unha crónica con fotos. Estes pases son, ademais, unha oportunidade extraordinaria para probar o espectáculo porque, como é sabido, o público infantil é moi esixente. E implacable ?
Os centros escolares que acoden a vernos gozan dunha versión reducida do show e traballan varios aspectos con axuda dunha guía didáctica elaborada polo noso equipo. Dependendo do nivel educativo, o alumnado reflexiona sobre cuestións como o Camiño de Santiago, a lenda do achado dos restos do apóstolo (a inventio da que xa falamos nun post previo), Sargadelos ou o patrimonio. Estas son as nosas propostas de partida pero o profesorado é libre de decidir se traballa estes puntos ou outros.
Os obxectivos destas funcións didácticas son múltiples e variados, como conseguir que o alumnado se familiarice coas artes escénicas, que descubra novas formas de expresión artística, que coñeza os teatros e espazos escénicos da súa cidade, que aprenda e, por suposto, que se entreteña. Máis a longo prazo encantaríanos pensar que estamos a contribuír a crear hábitos culturais no noso público miúdo e que nun futuro non moi afastado converteranse en espectadores.
Ademais, como Inventio é un espectáculo inspirado no universo Xacobeo, tamén nos gusta pensar que saen do teatro con novos coñecementos sobre a cultura galega, o noso patrimonio e, está claro, sobre o Camiño de Santiago. Non sabemos se o conseguiremos ou non, pero o que si nos queda claro é que a diversión está garantida o tempo que estamos xuntos e, como proba, estas imaxes de Santiago de Vane Rábade.