A unha semana da estrea absoluta de Inventio, velaquí dez (mais poderían ser moitas máis) razóns para gozar do espectáculo:
- Maxia, moita maxia. Na dirección de Inventio está Martín Varela, apaixonado do ilusionismo dende os 9 anos e que conta con tres exitosos espectáculos ás súas costas: “15 ilusións para unha noite”, ‘Manifesto’ e ‘Serendipia’.
- E tamén circo, danza, música, comedia, levitacións, acrobacias, equilibrios, malabares, números aéreos, aros voadores, treboadas de neve, torres de vento, pezas interactivas, videoproxeccións, animación audiovisual, música electrónica, misterio, fantasía, drama… Seguimos?
- Galicia 100%. Inventio está concibido en Galicia por un equipo de profesionais galegos que revisa a tradición dende a modernidade máis contemporánea para forxar un espectáculo que é quen de transcender barreiras.
- Tamaño. Máis de corenta persoas forman parte do equipo de Inventio. Catorce delas estarán sobre o escenario, pero detrás hai moitos máis a traballar para facer realidade este espectáculo de gran formato.
- Para todos. Cativos, mocidade, adultos, vellos, familias… Inventio é o plan perfecto para gozar dun día especial e o único requisito é ter capacidade de asombro. Ou non. Simplemente ven e xa sairás abraiado da función.
- Se Inventio é para todos terá que haber funcións compatibles, non si? Pois hainas, abofé que si. Están programadas sesións en horario de tarde, noite e en moitos sitios, de matiné.
- Inventio estréase en Ferrol e despois viaxará, por agora, a Santiago de Compostela, Salamanca, Lugo, Pontevedra, Cáceres, Ourense, Bilbao, Vigo e A Coruña.
- As entradas oscilan entre os 15 e os 25 euros. Ademais, os menores de 2 anos non pagan sempre que non ocupen butaca. E, non cho contamos nós, pero gústanos deixar folletos con códigos promocionais nas cidades que visitamos…
- Aos fans da estética xeométrica e vangardista de Sargadelos vailles encantar Inventio. Boa parte do espectáculo está inspirados nas creacións da mítica fábrica de cerámica.
- O Camiño de Santiago. Como será o derradeiro ano Xacobeo do século XXI? Aínda non rematamos este Xacobeo estendido e en Inventio xa demos en soñar co que pasará en 2094. Descúbreo!