Que Inventio é moitas cousas repetímolo por activa e por pasiva pero o que se cadra non sabes é que temos baralla de noso e que axiña a poderás adquirir nos lugares da xira.
Inspirándose na estética de Inventio, a deseñadora María G. Grandal creou unha baralla cun estilo de ilustración totalmente personalizado de todos os elementos que compoñen a face dunha baralla española. Hai ouros, copas, bastos e espadas, pero moi especiais.
O ambiente futurista que se respira en Inventio plasmouse en paus da baralla xeométricos, elaborados con liñas planas e cun deseño abstracto e minimalista. Ademais, a súa disposición nas cartas tampouco é a convencional.
Mención á parte merecen as figuras, que tamén están baseadas nos diferentes personaxes que aparecen no espectáculo e no seu vestiario. Velaí que a sota se inspire na funambulista, o cabalo no ciclista acrobático e o rei no mago. Nunha chiscadela ás barallas de póker que adoitan usarse na maxia, o xogo inclúe tamén un jóker.
Por se non fose abondo, a baralla complétase con 16 cartas especiais, algunhas delas ideadas para que deixes os teus abraiados cun par de trucos de maxia.
E que acontece co dorso? Pois que tamén reflicte as cores e as liñas do espectáculo. De feito, quedou ‘tan Inventio’ que unha das escenas ten un fondo inspirado no seu deseño.