Se chegaches ata aquí é porque Inventio interésache. Quizais planeas ir algunha das actuacións da xira que levará o espectáculo ata quince cidades ou, talvez, xa gozaches da maxia e tes ganas de saber máis. En calquera caso, estás no sitio correcto, pero hoxe imos deixar que outras voces falen de Inventio. Para que vexas o (ben) que pensan outros de nós e, non o imos negar, para presumir un chisco ?
O día da estrea absoluta en Ferrol tivemos a sorte de que nos acompañase o dramaturgo e director de escena Afonso Becerra que escribiu unha crónica en Artezblai na que describe Inventio como “maxia redobrada” e afirma que “se trata dun espectáculo moi accesible” para todo tipo de públicos”. Destaca o papel de Martín Varela capaz de desprender “unha graza sutil moi singular que che desarma, que che namora” e desempeñar o seu papel de ilusionista e guía sen os “manierismos recoñecibles asociados ao tachán-tachán dos típicos magos ou dos números de circo”.
Becerra tamén destaca a beleza dos números de bicicleta ou o “fermoso traballo con aro aéreo”. Non esquece tampouco o traballo do dúo Deibit & Nymeria, dos saltimbanquis nin o papel dos bailaríns, tanto nas escenas propias coma nas transicións entre os distintos números. E transversal a toda a proposta, gaba o vestiario, que cualifica de “fantástico”, a música que “aglutina e transforma sonoridades da tradicional” e tamén o protagonismo da iluminación.
Tamén tivemos os nosos ‘quince minutos de fama’ coa reportaxe que nos dedicou o programa ‘La aventura del saber’ de RTVE, pero iso mellor compróbalo por ti mesmo no vídeo:
E tamén alegrounos moito que o Telexornal da TVG nos fixesen un oco na súa programación para falar de Inventio:
Así como o Telexornal da TVE (a partir do min 19:22):
E agora que xa sabes todo isto, que che parece se vés coñecernos en persoa? Consulta as vindeiras datas de Inventio e planifica a túa axenda. Agardámoste!